Alberto Meira termina o ano sobre o podio do Rallye Mariña Lucense

Última parada da tempada para Alberto Meira, José Murado e o Citroën DS3 R5 en Viveiro, con motivo do novo Rallye Mariña Lucense, unha proba á que o piloto de Gondomar saía coa intención de terminar o ano con bo sabor de boca.

Desde o bucle inicial, Meira tomou as rendas do liderado, marcando tres scratchs consecutivos e construíndo unha vantaxe de 20 segundos sobre o seu rival tras a cuarta especial, que sería a vantaxe máis ampla da que gozaría en todo o día. A partir de aí, a diferenza foi decrecendo paulatinamente ata chegar coa clave no desenlace da carreira, que sería na penúltima especial e que así relataba Alberto Meira á súa chegada ao parque pechado.

“Chegamos á terceira pasada por Xove con once segundos de vantaxe, pero cometemos dous erros nos cales perdemos bastante tempo. Primeiro saímonos rectos nun cruzamento e o coche apagouse no momento de dar marcha atrás, e despois volvémonos a saír nunha zona sucia. Nestes lances danamos un brazo da suspensión dianteira, sendo imposible defender o liderado no último tramo. É unha mágoa non poder referendar o triunfo para terminar a tempada pero estamos contentos co ritmo demostrado”.

Con todo, aínda que o Campionato Galego de Rallyes terminase e os pensamentos xa estean postos en 2020, o equipo AMF Motorsport terá unha última comparecencia, e será no I Máster de Galicia que terá lugar o 30 de novembro e 1 de decembro no Circuíto da Magdalena (Forcarei).

Anuncios