Fenosa oculta cun poste do tendido eléctrico un valo do patrimonio histórico de Gondomar

O pasado mes de outubro, unha subcontrata de Unión Fenosa procedeu á colocación sen ningún tipo de coidado e con ausencia total de respecto polo patrimonio público, un poste do tendido eléctrico que oculta literalmente o valo anunciador dos Petróglifos de Auga da Laxe na estrada Gondomar-A Ramallosa, en Mañufe, á altura do IES Escolas Proval.

O devandito valo fora instalado nese lugar coas autorizacións previas tanto de Estradas de Galicia como da Consellaría de Cultura e Turismo. Igual que ese valo hai outros dous nas tres entradas principais de Gondomar: estrada de Tui en Couso, Estrada de Vincios na Pasaxe, e esta na estrada da Ramallosa.

Manifesto Miñor-En Marea presentou este venres un escrito no Rexistro Municipal de Gondomar co obxecto de que o Concello tome medidas, “pois non é de recibo que se oculte un panel indicador dun elemento patrimonial de nivel mundial como é o Petróglifo de Auga da Laxe en Vincios, musealizado tamén dentro da mesma subvención”.

A instalación deses importantes elementos informativos, acompañados doutro tipo de información accesible vía telematica, etc, foi realizada grazas a unha subvención (arredor de 14.000€) concedida pola Deputación de Pontevedra dentro dun programa de promoción turística, cuxa xestión foi leva a cabo polo concelleiro de Turismo e Comercio no anterior mandato, Xosé Antón Araúxo.

“A día de hoxe ignoramos se semellante abuso por parte de Unión conta coas preceptivas autorizacións da Xunta, ou cando menos lle foi comunicada ao Concello a implantación do poste. Por outra banda, chama a atención que este novo elemento estea encravado á beira do chamado paseo/carril bici que vai de Gondomar á Ramallosa, resultando un elemento agresivo esteticamente e mesmo perigoso para peóns e ciclistas”, sinala Antonio Araújo.

Manifesto Miñor-En Marea solicita do Goberno Municipal que tomen cartas no asunto e esixan da Xunta de Galicia e de Unión Fenosa a súa inmediata retirada, e o soterramento da liña eléctrica como lle cómpre a un tramo con características urbanas, máis aínda se se trata dun paseo.

 

2019-11-16 - IMG-20191113-WA0001