Visita guiada ao Castro de Chandebrito e concerto de “Acordeireta” para celebrar o Día do Patrimonio

O Concello de Nigrán ofrece mañá sábado, Día Mundial do Patrimonio, unha visita guiada ao Castro de Chandebrito ás 11:30 a cargo de Árbore Arqueoloxía, equipo que está a piques de rematar a escavación e primeira musealización dunha área de 58 metros cadrados nesta cima. O punto de encontro é o “Bosque da Memoria” (a explanada ao carón do Castro). Ao finalizar, sobre as 13:00 horas no Bar D’Arriba, no núcleo de Chandebrito, o Concello ofrece o concerto folk de “Acordeireta”, dúo formado por Patricia González Iglesias (voz e pandeireta) e Alejandro Balbuena Ojea (Acordeón, bombo e voz).

Estes traballos de escavación, consolidación e restauración rematarán a final de mes despois de levar a cabo dúas intervencións, a segunda delas financiada integramente por parte do Concello con 31.556 euros a través do Plan Concellos 2018. Así, a partires de decembro, calquera visitante que se achegue ata o seu cume poderá apreciar in situ, e por vez primeira, restos de tres antigas murallas e de tres construcións cuxa función aínda se descoñece, todo elo sinalizado nunha situación con impresionantes vistas á ría de Vigo. A maiores, o plan de divulgación incluirá unha reconstrución virtual web de toda a contorna e os seus achados.

O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, a nova investigación amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C. É dicir, ten a súa orixe a finais da Idade de Bronce, nos inicios da cultura castrexa que tres séculos máis tarde se espallaría por toda Galicia dando lugar á maioría dos asentamentos coñecidos. Así o certifican as decenas de pezas atopadas (fusos de fío, lá e liño, pedras de afiar, pezas de metal, unha conta púnica…) e os miles de fragmentos de cerámica de diferentes épocas e moi ben conservadas, algunhas delas con decoración profusa (apareceron desde ánforas romanas ou fenicias que certifican o comercio dos habitantes de Chandebrito cos pobos mediterráneos a cerámica propiamente castrexa).

Anuncios