O uruguaio Moreira ficha polo Vigo-Rías Baixas procedente do Caja Rural profesional

Nunha marxe de 24 horas o Vigo-Rías Baixas concretou a chegada de dous xefes de filas para o seu novo proxecto. Despois de anunciar a fichaxe de Noel Martín, a entidade presidida por José Luis Chamorro fíxose cos servizos de Mauricio Moreira. O uruguaio incorpórase ao conxunto olívico procedente do Caja Rural profesional.

Tras dúas tempadas competindo ao máximo nivel mundial, o gañador este ano dunha etapa na proba francesa de Boucles da Mayenne aceptou a proposta da estrutura flúor para liderar o seu ambicioso proxecto na categoría Elite e Sub-23. O primeiro gran obxectivo de Moreira será a Copa de España.

“O Vigo-Rías Baixas abriume as portas dun novo camiño en busca do meu futuro como profesional. Sendo un dos mellores equipos do campo amateur, atopei neles unha ilusión moi grande e un grupo de traballo que me motiva”, afirma o ciclista de 24 anos.

Fillo dun dos corredores máis importantes na historia do ciclismo uruguaio, este rodador nado na cidade de Salto formouse no seu país nas estruturas do Estudiantes o Colla e o C.C. Fénix antes de cruzar o charco en 2016 para competir en Europa co Caja Rural elite e sub-23.

Durante os dous anos que militou no filial do conxunto verde, obtivo triunfos de nivel como a xeral da Volta a Zamora e etapas na Volta a Segovia. O Caja Rural subiuno ao primeiro equipo en 2018 e coa escuadra navarra demostrou as súas calidades de ciclista todoterreo nas estradas de España, Portugal, Italia, Francia e tamén completando esta campaña o Circuíto de Turquía.

O seu novo desafío encárao coa intención de “manter unha regularidade no rendemento durante toda a tempada, disputando as carreiras máis importantes e deixando nos máis alto ao equipo que me deu esta oportunidade”.

Moreira é o cuarto corredor que se une ás filas do persoal dirixido por Marcos Serrano. Anteriormente o Vigo-Rías Baixas anunciou as contratacións de Noel Martín, Manuel Sampedro e Brais Gómez.

Anuncios