Baiona convoca ao sector da restauración para crear “Sabores Mariñeiros do Camiño de Santiago”

Enmarcado no produto turístico conxunto das Villas Marineras, o obxectivo do proxecto denominado “Sabores Mariñeiros do Camiño de Santiago” é o deseño dun produto de turismo gastronómico, coherente cos recursos existentes, dirixido a peregrinos e peregrinas co fin de que identifiquen o territorio Villas Marineras e, ou ben regresen realizando outro tipo de turismo (familiar, de natureza, cultural, mariñeiro, etc.) ou que sexan prescritores de Villas Marineras unha vez regresen aos seus lugares de orixe.

Unha das actuacións é a definición dos produtos gastronómicos que identifican a cada Villa Marinera e que forman parte da súa cultura gastronómica, sendo o sector da restauración crave para o deseño da oferta peregrina deste Roteiro Gastronómico polo Camiño de Santiago ao seu paso polas Vilas, con dous nexos de unión fundamentais: o Camiño e a gastronomía.

Convócase ao sector de restauración da Villa Marinera de Baiona a unha sesión de traballo cuxos obxectivos son o consenso sobre o produto gastronómico que identifica á Villa Marinera, fixar os parámetros de adhesión do restaurante ao proxecto e un obradoiro de implantación do proxecto.

A reunión será o vindeiro luns, 18 de novembro, ás 11:00 da mañá no Multiusos Ángel Bedriñana (á beira da Praza de Abastos, Rúa Carabela Pinta). Rógase confirmación de asistencia no email oficinadeturismo@baiona.org ou no teléfono 986 68 70 67.

Anuncios