Alerta amarela por choivas na provincia de Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa afectará dará comezo a partir das 12 horas de hoxe no noroeste, oeste e sureste da Coruña e na costa de Lugo. Haberá mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros. O resto do litoral estará en nivel amarelo, tamén por mar combinada do noroeste, con ondas de 4 a 5 metros. Ademais, nas provincias de Pontevedra e A Coruña activarase o nivel de aviso amarelo por chuvias, xa que as precipitacións acumuladas poderán acadar os 50 mm en menos de 12 horas.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso evitar aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e fiestras. Tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, é recomendable consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios