
Esta fin de semana, no encontro celebrado en Gondomar, a Agrupación Deportiva Vincios superou ao equipo sevillano Híspalis TM, por un rotundo 4-0. O equipo sevillano desprazou ao xogador colombiano Wilmer Giovanny Núñez, ao sevillano Antonio Chaves e ao internacional sub23 español Francisco Ruíz. O sorteo dos cruces dos encontros favoreceu ao equipo gondomarés, pois enfrontou ao internacional portugués André Silva con Francisco Ruíz (3-1) e Wilmer Núñez (3-0), ao xogador chinés Zhao Tanming con Wilmer Núñez (3-0) e ao gondomarés Martín Pintos con Antonio Chaves (3-2), no encontro máis equilibrado, con alternancia no marcador 4-11, 12-10, 12-10, 6-11 e 11-2.
Tras esta vitoria o AD Vincios sitúase con 7 puntos en terceira posición na clasificación da liga, empatado co Asisa Borges Val, clasificación que encabezan o Irún Leka Enea (9 puntos) e o Real Priego de Córdoba (8 puntos). En quinta posición atópase o Arteal de Santiago e en oitava o Visit Pontevedra, os outros dous equipos galegos que disputan a Superdivisión española. Hoxe en todos os partidos dos equipos do AD Vincios gardouse un minuto de silencio en memoria do xogador e fundador do equipo Enrique Fernández Rodríguez, finado o pasado venres, persoa moi querida no mundo do tenis de mesa galego e nacional.