Nigrán súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O Concello de Nigrán súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero o 25 de novembro coa celebración durante todo o mes de diversos actos alusivos que arrancan este mesmo luns 11 e que terán entre o 18 e 25 de novembro visibilidade nos establecementos comerciais a través da campaña “En Negro contra as violencias”.

Así, este luns 11 de novembro no IES Escolas Proval escenificarase unha performance a cargo de María Vallina no marco do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” impulsado pola Deputación de Pontevedra. Non será a única acción promovida polo Concello en centros educativos, xa que o mesmo día 25 impartirase no IES Val Miñor a través de Ciudad Ciencia o obradoiro “Sobre as violencias sexuais” e, no CPI Arquitecto Palacios, terá lugar o espectáculo teatral pedagóxico “Golpes”, con Estíbaliz Veiga. Tamén será representada a obra “Sucedáneo”, a cargo da compañía Teatro do Ar, o día 23 de novembro no Auditorio Municipal, mentres que o 25 proxectarase a película “Refuxiado”.

Un ano máis, dende o Concello se anima de novo ao sector do comercio a involucrarse nesta edición da campaña “Nigrán en Negro” vestindo de negro os establecementos comerciais e hostaleiros, en sinal de loito por todas as mulleres que sofren violencia, convertendo a localidade nun gran escaparate que transmita unha mensaxe de rexeitamento da violencia de xénero e solidariedade coas vítimas. No ano pasado máis de 150 establecementos nigraneses de todo tipo participaron na campaña e o obxectivo é superala. Con este obxectivo, dende o CIM se repartirán carteis, camisetas, manteis e demais merchandising entre os establecementos comerciais e quen queira participar só ten que chamar ao teléfono 986 383081 ou enviar un correo electrónico a cim@nigran.org.

“Os establecementos comerciais e hostaleiros son os grandes protagonistas das nosas rúas, por iso precisamos a participación de todos, queremos mandar unha mensaxe unánime á veciñanza de denuncia e solidariedade, queremos un Nigrán libre de violencia”, reflexiona o alcalde, Juan A. González. “O obxectivo final de todas estas accións é deixar patente a nosa repulsa ante calquera tipo de maltrato á muller e concienciar disto a toda a veciñanza”, finaliza.