“Mulleres en Acción. Violencia Zero” pecha a súa cuarta edición en Nigrán da man de María Vallina

A artista María Vallina pechará este luns en Nigrán a cuarta edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, o programa da Deputación de Pontevedra para loitar contra as violencias machistas ao través da arte e da cultura, e dar a coñecer o traballo de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Vallina presentará a súa obra “Anástrofe” ás 17:15 horas no IES Escolas Proval na que participarán a artista e o alumnado, nunha acción artística á que asistirán a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, as deputadas provinciais Isaura Abelairas e Raquel Giráldez así como o alcalde de Nigrán, Juan González.

María Vallina é unha artista asturiana que combina a súa actividade artística coa investigación académica. A acción coa que chegará a Nigrán consistirá nunha obra de libre manipulación e experimentación coa materia e coas súas posibilidades de interacción, inestabilidade e mutabilidade. A acción principal que levará a cabo ten un marcado carácter simbólico posto que se trata de buscar a dificultade nunha tarefa tan cotiá como fregar. Neste caso, o que a artista tratará de fregar é o céspede ata chegar a rascar a terra cun especial valor do son grazas a utilización de asubíos. Con “Anástrofe” a artista quere evidenciar a violencia de accións cotiás tan relacionadas coa muller como son fregar e frotar.

Este ano 2019 “Mulleres en Acción. Violencia Zero” volveu reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e se celebrou en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).

Anuncios