O Camiño Portugués da Costa sitúase no terceiro lugar

O Camiño Portugués da Costa sitúase no terceiro lugar

O Camiño Portugués da Costa é, dende marzo deste ano 2019, a terceira ruta xacobea máis empregada polos peregrinos para realizar a súa peregrinaxe a Santiago de Compostela despois do Camiño Francés, en primeiro lugar, e o Portugués, en segundo lugar, ocupando arestora o lugar que tradicionalmente lle correspondía ao Camiño Inglés.

A pesares de ser a última ruta xacobea oficializada o incremento de peregrinos desta foi incrementándose notablemente.

Segundo os datos estatísticos da Oficina do Peregrino do mes de setembro, os peregrinos realizan principalmente o seu traxecto a pé (máis dun 90%), seguidos polos que o realizan en bicicleta (5%) e do total de peregrinos que remataron o seu camiño en Santiago, un 8,55% empregou o Camiño Portugués da Costa.

A evolución do Camiño Portugués da Costa ten sido extraordinaria, con preto de 7329 peregrinos no 2017, 13.841 peregrinos no 2018 e 19.378 peregrinos ata o mes de setembro deste ano 2019.

O Ano Santo 2021 traerá consigo unha extensa e detallada programación que comezará máis dun ano antes de que abra a Porta Santa, o que encaixa coa vontade de levar a cabo unha celebración descentralizada, que se deixe sentir en toda Galicia.

Neste senso se teñen posto en marcha distintas liñas de actuación como o Plan de Albergues, o Plan de Sinalización, o Plan de Mantemento e o Plan de Embelecemento. No eido cultural, puxo en valor as máis de 110 iniciativas levadas a cabo en Pontevedra no marco do programa “O teu Xacobeo”, cun investimento de 1,6 millóns de euros, ou as iniciativas impulsadas na provincia dentro de proxectos como “Cultura no Camiño”, “Camiños Sonoros” ou “Vive o Camiño”.

Anuncios