O alcalde de Gondomar reúnese coas ANPAS para coñecer as súas demandas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // CEP Xosé Neira Vilas en Peitieiros.

Coñecer de primeira man o funcionamento das ANPAS dos centros escolares de Gondomar, así como as súas demandas foi o obxectivo do encontro mantido nas últimas horas polo alcalde, Paco Ferreira, con representantes das asociacións de pais e nais e que cualificou de “moi gratificante e proveitoso ao permitir un intercambio de opinións necesario para dar a mellor atención á comunidade educativa do noso municipio”.

Representantes das ANPAS dos colexios Chano Piñeiro, Serra-Vincios, Souto-Donas e Peiteiros analizaron, xunto ao rexedor e ás edís de Educación e Xuventude, Araceli Regueiro e Nuria Lameiro, respectivamente, cuestións e asuntos relacionados cos centros e o seu día a día. Aulas matinais, os servizos de comedor ou diferentes melloras en materia de infraestruturas e servizos puxéronse sobre a mesa.

Neste sentido o rexedor Paco Ferreira comprometeuse a solicitar unha reunión co delegado territorial de Educación da Xunta para trasladarlle as principais demandas expostas polas Asociacións. Concretamente, a que se refire á ampliación dos comedores de Vincios e Donas, “que queremos acometer para mellorar o servizo actual”.

“É unha das ideas que lle farei chegar e confío en lograr a mesma colaboración que nos últimos catro anos, como proban a reforma do parque infantil en Donas, a reposición do tellado e a cornixa do centro, ou as melloras no comedor da Galiña Azul”.

Na reunión tamén se acordou a posibilidade de acometer unha pequena obra nos cuartos de baño dos colexios co fin de adaptar os inodoros aos cursos de infantil, facéndoos acordes á estatura dos máis pequenos/as dos centros.

Por último expúxose ás ANPAS as diferentes actividades que desde as áreas de goberno desenvólvense buscando a implicación do estudantado do municipio nelas. Así, entre outras, anunciouse a repartición de composteiros para os centros escolares co fin de potenciar a educación dos nenos/as en materia de reciclaxe e medio ambiente, ou, a programación de charlas sobre educación viaria, entre outras.

Anuncios