
A candidata número 1 ao Congreso do PP de Pontevedra, María Ramallo, animou esta tarde a ir o domingo ás urnas e votar con cabeza para desbloquear de unha vez por todas esta situación, saír da parálise e permitir que en España haxa un goberno serio, responsable e que traballe desde o minuto un pensando nas necesidades do país e non de acordo a intereses exclusivamente partidistas. Para iso, destacou a importancia de unir o voto do centro dereita en torno ao Partido Popular.
Foi durante o mitin que se celebrou en Baiona, e no que participaron tamén o presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade e presidente local do partido, Jesús Vázquez Almuíña, e o voceiro local, Ángel Rodal.
“No Partido Popular cabemos todos. Todos os que buscamos o mellor para o noso pobo, para os nosos veciños, para solucionar os problemas do día a día. Todas esas persoas caben no PP”, sinalou.
Durante a súa intervención, a candidata ao Congreso, recoñeceu que “para unha alcaldesa coma min, resulta difícil entender que obstáculos, que egos ou que cálculos nos levan a repetir eleccións”, e lamentou “o circo no que se converteu a formación de Goberno en España”.
Ademais, recordou que “todos os concellos do país están constituídos desde o mes de xuño, con goberno e funcionando. Cada un coa súa ideoloxía, cos seus partidos de goberno e cosas súas decisións botaron a andar intentando facelo o mellor posible. E eu me pregunto, por que iso non ocorreu no Goberno de España?”
“A política é xestionar e botar horas. Non é saír na tele nin facer espectáculo. A política é achegarse á xente, dar solucións e resolver problemas”, sinalou Ramallo, quen criticou o deixamento de Sánchez á hora de formar goberno. “Pasaron o verán non se sabe onde e acordaron en setembro de que tiñan que pactar. Pero Cataluña non se vai solucionar soa e as cifras de emprego non se van solucionar soas”.
A situación, continuou Ramallo, “é máis sangrante” ao ter en conta os “importantes desafíos” aos que se enfronta o país: “desaceleración económica, Brexit, aranceis de EEUU… Noticias preocupantes para o emprego, e todo unido a unha débeda de 700 millóns de Sánchez a todos os galegos que ningún socialista de Pontevedra se atreveu a criticar”.
Nesta liña tamén se pronunciou o candidato ao Senado, Javier Guerra, que recordou que o PSOE tampouco soubo ver a crise que Zapatero negaba en 2008. “Fronte á crise, que está á volta da esquina, o que precisamos en España é un Goberno estable e de garantías. É imprescindible poder contar con políticos nos que se poida confiar e que saiban xestionar os recursos, como se fai na Xunta”.
Pola súa parte, o presidente provincial, Alfonso Rueda, pediu votar o domingo “con sentidiño” para elixir un goberno serio, que xestione, que aposte polo crecemento, polo emprego, pola economía, pola industria, polos mozos e polos maiores, pola igualdade, polo rural…
Por iso, sinalou que é fundamental que todas as persoas que queren un cambio de rumbo, que queren un goberno serio e estable en Madrid, se unan ao Partido Popular, porque é a única alternativa para saír da situación actual. O voto do centro dereita debe de estar unido no Partido Popular, engadiu, para evitar que haxa votos que se perdan en opcións que non van conseguir ningunha acta nesta provincia.
Por último, Jesús Vázquez Almuíña lamentou que a xente do Val Miñor sabe o que é sufrir a gobernos do PSOE desde hai cinco meses. “Se non queredes sufrir o mesmo no Goberno de España, votade ao Partido Popular”, e destacou a experiencia e o traballo de María Ramallo, Javier Guerra e do resto da candidatura popular ao Congreso e ao Senado.