O BNG reclama novamente a gratuidade da autoestrada do Val Miñor

O BNG convocou este sábado un acto reivindicativo da gratuidade da AG-57 no que participaron Luís Bará, o deputado no Parlamento Galego; Iago Pereira, tenente de alcalde en Baiona; Manuela Rodríguez, portavoz municipal en Gondomar; e Xavier Rodríguez, responsable local en Nigrán.

No acto denunciouse a discriminación que, por parte do goberno do PP, sofre o Val Miñor a respecto doutras comarcas como O Morrazo ou O Salnés, que desfrutan de autovías autonómicas gratuítas. Se estivera libre de peaxes, a AG-57 serviría de circunvalación ao Val Miñor, mellorando a mobilidade xeral na comarca e eliminando o tráfico de paso polos núcleos urbanos. Desconxestionaría as estradas Vigo-Baiona, evitando atascos na Ramallosa, principal nó de conexión dos tres concellos; e Vigo-Gondomar, ao seu paso por Vincios, humanizando a parroquia. Contribuíndo a mellorar a calidade de vida e reducir a sinistralidade e os riscos asociados a este tráfico, que en moitos casos é tráfico pesado.

Tamén serviría de conexión directa, rápida e gratuíta co hospital Álvaro Cunqueiro, e con outros centros médicos, de ensino, administrativos e de servizos da área de Vigo; e melloría a competitividade e a conectividade dos parques empresariais da Pasaxe-Vincios (Gondomar) e de Porto do Molle (Nigrán), e destes coa AP-9.

O BNG APOSTA POLO RESCATE DA AG-57 PARA A SÚA XESTIÓN PÚBLICA

Denunciaron tamén a ridiculez e irrelevancia da medida anunciada por Feijóo de redución nas peaxes en horario nocturno xa que ten unha incidencia mínima na mobilidade e os desprazamentos que realiza a veciñanza do Val Miñor tanto por razóns de traballo como para as diversas xestións persoais (de saúde, ensino, administrativas, de ocio,…).

“Non podemos consentir que, ao ser de pago a AG-57, usala se converta nun sobre custo nos desprazamentos ou que, para evitalo, simplemente non se use”. Desde o BNG apostamos polo rescate da AG-57 para a súa xestión pública e pola supresión das peaxes nesta autoestrada, demandas sociais que contan con amplo respaldo na comarca”, indicaron os representantes municipais do BNG no Val Miñor.

Nese sentido, o deputado Luís Bará anunciou que “o BNG presentará mocións nos concellos e no parlamento galego, e presentará unha emenda aos Orzamentos da Xunta para o ano 2020 co obxetivo de destinar unha dotación económica á realización do estudo da viabilidade da supresión das peaxes e do rescate da concesión da AG-57, para poder tomar desde o goberno galego as decisións sobre a súa xestión”.