Xornada de integración ao redor do quad en Camos

Un centenar de persoas participaron este sábado na II Galaicaintegración Val Miñor, organizada polo motoclub Galaicosquad Val Miñor nas instalacións de Barreiros, en Vilar-Camos. O obxectivo é promover a convivencia, diversión, entusiasmo, empatía, xenerosidade, etc. de todos os participantes desta actividade, que contou coa participación de diferentes entidades e asociacións como é Down Vigo, Bicos de Papel, Teavi, Juan María, Andaina e Un Máis.

Os rapaces e rapazas foron os protagonistas da xornada, na que se trata de convivir nun ambiente natural, onde o quad é o aliciente para que todos os participantes poidan gozar del, facendo un roteiro por un circuíto de aproximadamente tres quilómetros en quad, por diferentes pistas do monte. Ao mediodía reuníronse para xantar, e despois contaron coa presenza dos bombeiros de Nigrán e a Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra. Para finalizar leváronse a cabo diversos xogos nos que o quad seguiu sendo o complemento perfecto para poñer o broche final a esta xornada de convivencia quatreira.

Para levar a cabo este evento e atender a demanda de tantos nenos congregados nun día, o motoclub contou coa colaboración de quads provenientes de diferentes lugares, como son Asturias, Cantabria, País Vasco, Madrid e Comunidade Galega, persoas relacionadas ao mundo quatreiro que colaboran de forma totalmente altruísta e desinteresada, para poder satisfacer, convivir e enriquecer un día diferente na vida de todos os participantes.

O motoclub Galaicosquad Val Miñor é unha entidade sen ánimo de lucro que se fundou no ano 2017 por un grupo de amigos aos cales lles une a afección do mundo do quad. Aínda que a súa creación é recente, os seus integrantes teñen unha longa traxectoria na realización, colaboración e fomento de diferentes tipos de eventos, polo que a experiencia neste tipo de actividades garante un resultado satisfactorio na confección dos devanditos acontecementos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.