O Bayona Playa opta a ser o mellor cámping de praia de España

Cámping Bayona Playa optará a un recoñecemento catalogado polos medios especializados como “os Óscar” do sector. Trátase dunha Gala na que se inscribiron un total de 700 establecementos dos cales chegaron á final un total 24, entre eles o situado na vila mariñeira, e que está organizada pola Federación Española de Empresarios do Cámping, FEEC.

Os gañadores daranse a coñecer durante a entrega de premios que terá lugar o próximo 21 de novembro en Madrid. A iniciativa componse de oito subcategorías que premian as mellores instalacións de praia, de interior, de montaña, o máis familiar, apertura anual, orixinalidade, mellor restaurante ou o que goce de maior encanto.

O de Ladeira competirá contra outros dous complexos, un cántabro e outro gaditano. O seu xerente, Pedro Gómez, manifestou estar moi ilusionado coa candidatura xa que é “un recoñecemento ao traballo ben feito”, ademais de que “serve para promocionar o municipio e as Rías Baixas como destino de praia dotado de hostalería de calidade”.

Anuncios