Baiona traslada a Festa de Samaín ao Auditorio

FOTO: PEPE COSTAS // Samaín na Praza de Abastos de Baiona.

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona, dirixida por Miriam Mar Costas Iriarte, organiza unha festa infantil con motivo da celebración do Samaín, a tarde do xoves 31 de outubro, en horario de 17:00 a 20:00 horas no Auditorio V Centenario, ante a previsión de choivas.

Para festexar esta tradición galega, os máis pequenos e pequenas poderán desfrutar de obradoiros temáticos onde poderán preparar bebidas monstruosas, construír arañas terroríficas e maquillarse a faciana de calaveras mexicanas ou de zombie.

Ademais, ás 18:00 horas dará comezo o espectáculo interactivo infantil “A Bailar Esqueletes”, a cargo do grupo Animar-T; unha hora e media chea de medo, maxia, cantaxogos, globos xigantes, confeti, concurso de baile, e moitas sorpresas máis.