A revisión de prezos do contrato con Cespa dá un saldo favorable para o Concello de Nigrán de 3.000 €

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Servizo de recollida de lixo en Nigrán.

O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario de onte (co voto en contra do PP) a revisión de prezos dende o ano 2016 a 2018 contemplada no contrato con Cespa e que suma 3.037 € a favor das arcas municipais. Así, segundo os informes técnicos e aplicando a fórmula de revisión establecida, a concesionaria de recollida de lixo debe abonar ao Concello 11.594 € polo ano 2016 e 3.155 € polo ano 2017, mentres que o Concello debe pagar a Cespa 11.712 € polo ano 2018, dando todo isto un resultado de 3.037 € a favor do consistorio.

Deste xeito, o Concello pon fin á revisión de prezos e atrasos herdada desde 2012, xa que en febreiro de 2018 abonouse por este mesmo concepto á concesionaria 136.481 € froito da revisión desde 2013 a 2015. De feito, completar esta obriga contractual era un compromiso adquirido no pleno de xaneiro de 2018 por toda a corporación diante dos traballadores.

“O contrato con Cespa, vixente dende 2004, finaliza no 2020, polo que resulta fundamental que as contas estean ao día de cara a esa data. Hai que dicir que a nosa relación coa concesionaria nos últimos anos ten mellorado moito e consideramos óptimo o servizo que veñen prestando”, sinala o alcalde, Juan González.

Anuncios