Sin categoría

Traballadores de Plastic Omnium plantan castiñeiros e acivros no Galiñeiro

Este mércores, Plastic Omnium, na súa división Clean Energy Systems e dentro do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, quixo facer a súa achega á recuperación do Monte Galiñeiro, incluíndo nas actividades programadas para a celebración do Día da Seguridade unha plantación de castiñeiros e acivros no Bosque dos Nenos na que participaron ademais de operarios e técnicos da empresa, o Presidente e CEO de Europa de dita división, Claude Clement; o Director Financeiro para España e Marrocos, Francisco De Lara; o Director da Actividade de Metal, Iván Ubeira e a Directora da Planta de Vigo Plásticos, Mónica Pita.

Con esta actividade, outra empresa do Polígono Industrial de A Pasaxe súmase á colaboración coa Comunidade de Montes no proceso de reforestación do monte tralo incendio de 2017, despois da plantación de castiñeiros realizada por Navaliber S.L. o pasado mes de marzo. Desde a Comunidade de Montes agradecen a implicación destas empresas do polígono, e de outras que queiran levar a cabo iniciativas semellantes, neste espazo do Bosque dos Nenos, que nun futuro próximo será o primeiro sumidoiro de dióxido de carbono da contorna inscrito no Ministerio de Transición Ecolóxica.