A primeira fichaxe do Vigo-Rías Baixas para a tempada 2020 supón unha volta a casa. Brais Gómez regresa á entidade presidida por José Luis Chamorro para estrearse na categoría elite e sub-23. O conxunto flúor inicia con esta incorporación a súa “Operación Retorno”.
O baionés Brais Gómez descubriu o ciclismo nas escolas do club cando tiña 8 anos. Coa camisola do Rías Baixas empezou a destacar nas categorías inferiores e a súa progresión continuou na Escola de Ciclismo Redondela e no Club Ciclista Ponteareas ata converterse nunha das grandes promesas do pelotón galego. É o actual campión autonómico de contrarreloxo júnior, título que logrou en dúas ocasións.
“Subir a sub-23 formando parte do equipo no que empecei fai dez anos é todo un orgullo”, afirma o ciclista de 18 anos. Habitual nas convocatorias da Selección de Galicia, a tempada 2019 pechouna impoñéndose no Trofeo Festas de Setembro en Ponteareas. Brais márcase como obxectivos para o curso do seu debut no campo amateur “mellorar e axudar o máximo posible aos meus compañeiros”.
Na súa despedida da categoría júnior, o corredor de Baiona só ten palabras de agradecemento para o Club Ciclista Ponteareas, o seu equipo durante os tres últimos anos: “Dáme unha pena incrible deixar o club que me viu crecer, fíxome aprender moitas cousas e, sobre todo, axudoume a madurar como persoa e como ciclista”.
A chegada de Brais Gómez abre o capítulo de altas no novo proxecto do Vigo-Rías Baixas. Tal e como anunciou o seu presidente, a dirección do club preparou unha revolución no persoal. Entre as moitas caras novas respecto a a campaña 2019 haberá varios vellos coñecidos da casa.

