A Liga de Outono AXA J80: último round do Monte Real en 2019

Baiona acolle este sábado a partir das tres da tarde a primeira xornada da Liga de Outono AXA J80, último round da tempada deportiva do Monte Real Club de Yates neste 2019. O club baionés pecha as súas competicións do ano coa celebración de catro xornadas regateiras para veleiros J80, unha clase pola que leva anos apostando.

Cunha frota de once veleiros en liza, a liga dará comezo sen un claro favorito sobre a auga, xa que o gañador das dúas últimas edicións, o vigués Javier de la Gándara, será baixa nesta ocasión por atoparse poñendo a punto o barco para a tempada 2020.

Si se prevé a participación do resto de tripulacións que completaron podio en 2018: o Marías Casas do Telhado do portugués Manuel María Cunha, que quedase segundo; e o Luna Nueva do asturiano Juan Luis Tuero, que se fixese co bronce.

Xunto a eles veremos a habituais dos postos máis elevados das ligas de J80, como o Cansino do comodoro do Monte Real, Fernando Yáñez; o Namasté de Luis de Mira; o Maija de Iñigo Alzueta ou o Pazo de Cea, entre outros. A eles sumaranse, nesta nova edición da competición outonal, dous novos barcos: o Petrilla, de Sanxenxo, con Jaime Barreiro á cana; e o Spaco, de Santiago Estévez.

Dirixindo todo sobre a auga, á fronte do comité de regata, estará Fernando Giraldo, que será o encargado de deseñar o campo de probas en base a unha previsión meteorolóxica que anuncia ventos do sur suroeste de entre 11 e 12 nós con picos de ata 18 nós por momentos. Boas condicións de vento, sen dúbida, para a disputa das tres mangas previstas no programa inaugural.

Anuncios