“Queremos que se acredite que os nosos fillos non estiveron expostos ás fibras de amianto”

Algúns pais e nais de alumnos e alumnas do CPI Cova Terreña de Baiona non están satisfeitos cos resultados das mostras de fibras de amianto en aire feitos públicos pola dirección do centro, e que indicaban un valor de concentración de fibras por baixo de 0,001 fibras/cm3, “que é o valor límite de referencia máis amplamente utilizado”, segundo sinalaba no informe José Francisco Canosa Sanjurjo, Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais de Ibersys.

Varios proxenitores mandaron escritos á Consellería de Educación solicitando máis información “e que acredite que en ningún momento os nosos fillos estiveron expostos ás fibras de amianto”, pois consideran que durante os traballos anteriores á retirada total do fibrocemento “viñéronse realizando traballos que non parece que sexan os adecuados”.

Así, unha delas refírese á retirada das tellas que estaban pegadas con cemento á uralita, “que ten como uns 40 anos, xerando entullos e po, o cal varreron en horario lectivo con escobas, no canto de ser aspirado, camiñaron por encima da mesma, co consecuente perigo de que rompa, lembremos que é unha uralita vella que ten moitos anos, e ademais rompérona nas zonas onde van ancoradas as estadas”. Lembra que se isto non se manipula non hai perigo, “pero si existe cando se comeza a manipular”.

Aínda que non consideran que as obras non sexan compatibles coas clases, cren que “non se están facendo as cousas do todo ben”. O pasado mércores caeu unha suxeición metálica desde o tellado ao paso duns nenos que volvían da clase de ximnasia para as súas aulas. Así mesmo, culpan da inundación do centro “á incompetencia da empresa adxudicataria, pois quitaron todo o tellado tapándoo con lonas de plástico, as cales non aguantan co aire, no canto de restaurar o tellado por etapas e coa máxima seguridade, pois estamos a falar de obras nun colexio”.

Nunha reunión cos pais celebrada este luns, á cal asistiu o encargado de seguridade da obra, a preguntas dos pais e da situación actual do colexio contestaron palabras textuais “que a orde de retirar toda a cuberta partiu dun ente superior relacionado coa Consellería de Educación, ao cal non quere identificar por non estar autorizado, e que dita orde non contaba co visto e prace dos responsables de obra nin do xefe de seguridade”.

“Podemos deducir que dita decisión foi a que orixinou os problemas posteriores coas inundacións do colexio e foi a que provocou que se tomara a decisión de trasladar seis cursos completos ao CPI de Fontes. As obras son un exemplo de mala xestión, incompetencia e falta de previsión. Somos moitos pais os que vemos que día a día e por parte da empresa adxudicataria están a facerse as cousas mal”.

Con respecto ás medicións de fibras de amianto en aire, aseguran que a medición que se publica é do último día de retirada da cuberta, “cando xa teñen todo limpo e aínda que dá por baixo, non se pode contrastar con anteriores medidas que segundo o Real Decreto 396/2006 do 31 de marzo terían que facerse para saber como levar a cabo os traballos. Gustaríanos que desde un principio se nos informara e houbera algo máis de transparencia con este tema”, conclúe unha das nais.

Anuncios