Nigrán acusa á Xunta de ignorar novamente as súas demandas

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Estado das beirarrúas en Otero Pedrayo.

O goberno de Nigrán trasladou á Xunta a través do grupo parlamentario do PSdeG dúas emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2020 para que estes inclúan a reparación integral da rúa de titularidade autonómica Otero Pedrayo, valorada en 1.200.000 euros (cuestión que se ven pedindo dende o ano 2016) e a reparación do emisario submariño da EDAR que verte auga depurada a menos de 200 metros de Praia América, valorado en 300.000 €. En total, 1.500.000 € en dous investimentos que son directamente de competencia autonómica e que a Xunta ignora pese a urxencia e importancia dos mesmos, de feito, a proposta orzamentaria non inclúe ningún tipo de investimento para o municipio no 2020.

Otero Pedrayo, que une as parroquias de Nigrán e Panxón, conta coas beirarrúas peor conservadas de todo o municipio, acumulando decenas de denuncias dos veciños debido a que o seu estado produce lesións e accidentes e incumpre todas as normas de accesibilidade. Tal e a súa situación que toda a corporación ao completo aprobou unha moción no pleno de xullo de 2016 reclamando á Xunta a súa reparación urxente para posteriormente cederlle a titularidade ao Concello co fin de que poida ocuparse da súa xestión. Ademais da mellora urxente das beirarrúas é imprescindible a reparación do seu firme, o pintado do mesmo e a instalación de medidas correctoras de velocidade para evitar accidentes, así como o arranxo na rede de saneamento e pluviais. “A situación desta estrada resulta vergoñenta, toda a corporación coincide niso e así llo transmitimos a Xunta, queremos unha cesión da mesma para ocuparnos nos dela, pero o lóxico é que primeiro a acondicionen”, considera o alcalde, Juan González.

Non é esta a única emenda do goberno de Nigrán, a través do PSdeG, pedirá tamén que se inclúan 300.000 € para reparar o emisario submariño da EDAR situado a menos de 200 metros de Praia América e que verte auga depurada ao mar. A avaría atópase nunha peza que parece ser de unión de ferro entre dous tramos de emisario submarino de polietileno de 400 mm. Este material correspóndese co tramo de emisario instalado en 2007. Pola mesma parece que esta saíndo a totalidade do caudal que circula pola condución, tal e como advertiu o Concello á Xunta a inicios de ano tras observar os propios mariñeiros unha gran burbulla de auga no mar.

“Non ter en conta estas emendas significa un agravio comparativo cos veciños de Nigrán, que ven como a Xunta non atende as cuestións que lle corresponden”, valora o rexedor.