Gondomar destina 132.000 € en subvencións a entidades sociais, deportivas e culturais

A preto de 132.000 euros ascende o orzamento que o goberno local de Gondomar, presidido por Paco Ferreira, destinou este ano ao apoio de diferentes entidades sociais, culturais e deportivas do municipio. As axudas son a suma dos diferentes convenios de colaboración asinados ata o momento, cunha dotación total de 72.300 euros, e as subvencións por concorrencia publicadas este martes e que suman un total de 59.500 euros.

As subvencións por concorrencia, cuxas bases xa están publicadas, destinarán un total de 27.500 euros para a execución de actividades de promoción deportiva neste ano. A convocatoria contempla un total de 16.000 euros para aquelas entidades que promocionen e desenvolvan actividades culturais en Gondomar, e finalmente, outra partida de 16.000 euros para subvencionar actividades que persigan un fin social.

Os interesados, terán un prazo de dez días para concorrer a estas axudas que deberán cumprir unha serie de criterios, como son a representatividade da entidade solicitante, o grao de interese xeral ou sectorial das actividades realizadas ou o número de posibles beneficiarios directos e indirectos, entre outros.

Será unha comisión de valoración a responsable de examinar as solicitudes presentadas, para establecer unha relación entre as diferentes propostas e formular a correspondente adxudicación a favor das que somen maior puntuación, segundo os criterios recolleitos nas bases, que se poderán consultar e descargar na seguinte ligazón https://bit.ly/2MZ7ou2.

Anuncios