Este venres decidiuse trasladar a toda a etapa de Educación Primaria do CPI Cova Terreña ao CEIP de Fontes-Baíña, segundo sinalan desde o centro “pensando no benestar do alumnado”. Desta maneira, aos alumnos de 1º, 2º e 3º sumaranse agora os de 4º, 5º e 6º. En total, 216 alumnos e alumnas trasladados.
Dentro das actuacións de reforma integral do colexio está contemplada a renovación da cuberta do mesmo. A empresa retirou todas as pranchas de fibrocemento seguindo as indicacións do ISSGA, sendo substituída provisionalmente por unha cuberta de lonas. Esta cuberta provisional non aguantou os refachos de vento e chuvia que tiveron lugar na fin de semana do 12 de outubro provocando filtracións de auga nalgunhas aulas.
O equipo directivo constatou, o domingo 13 de outubro, filtracións de auga comunicando o feito ás autoridades educativas e empresa adxudicataria, valorando o alcance dos danos e preparando aulas adicionais para poder reubicar ao alumnado de ser preciso. Ese mesmo domingo persoouse no centro o alcalde e o concelleiro de Educación, ofrecendo a súa colaboración no que fose preciso, e quedando emprazados a unha reunión o luns 14 de outubro para buscar unha solución.
A mañá do luns 14 de outubro constatouse un empeoramento da situación. Na reunión no centro, á que asistiron o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o concelleiro de Educación Óscar Carreño, o Xefe Territorial, César Ares, o Inspector de Educación, Xose Luis Ferreiro, o equipo de dirección de obra, a empresa construtora, representantes da ANPA e o equipo directivo, expúxose a situación e distintas posibilidades para afrontar a mesma.
Despois de comprobar que había espazo para acoller ao alumnado no CEIP Fontes-Baíña acordouse o traslado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria, poñendo a Consellería e Concello todos os medios para que este traslado fose eficaz e rápido. A decisión de trasladar estes grupos debeuse a que non se podía trasladar ao alumnado de ESO a un centro de Primaria nin ao alumnado de 5º e 6º debido ao proxecto E-Dixgal, xa que requiría unhas actuacións previas.
Tras liquidar os problemas de conectividade que impedían o traslado do alumnado E-Dixgal e ser acondicionadas máis aulas polo CEIP de Fontes-Baíña decidiuse o venres 18 o traslado de toda a etapa de Educación Primaria.
Segunda informan desde o centro, familias e alumnado poderán manter as súas rutinas e horarios habituais. A Aula Madruga estará aberta dende as 7:30 horas e as monitoras trasladarán ao alumnado ata os autobuses. O alumnado será trasladado ao CEIP de Fontes-Baíña en autobuses, que estarán na contorna sobre as 8:40 horas e sairán do centro ás 8:50 coa sinal do timbre, polo que inciden en que “máis que nunca é importante a puntualidade”.
O alumnado regresará ao centro ás 13:50 horas, mantendo a entrega fidedigna. O alumnado non recollido será levado á conserxería. O alumnado usuario do comedor escolar será levado polas coidadoras do autobús ata o mesmo onde será recollido polas súas familias ao remate do servizo.
“Descoñecemos canto pode durar a situación pero nós estámonos preparando para afrontar todo o trimestre desprazados se fose necesario”, manifestan desde o centro. O vindeiro luns 21 de outubro, haberá unha reunión informativa coas familias de 4º, 5º e 6º de Primaria, para resolver calquera dúbida que poda xurdir sobre este traslado.
“Queremos agradecer a acollida brindada polo CEIP de Fontes-Baíña e a implicación do Concello de Baiona e os medios postos á nosa disposición, incluídas as súas propias mans. Agradecer á ANPA o seu ofrecemento e participación nas distintas reunións mantidas. Agradecer as palabras de ánimo da Conselleira de Educación, do Xefe Territorial e de Inspección educativa. E sobre todo as vosas palabras de ánimo, o apoio brindado e o voso ofrecemento de axuda desinteresada”, conclúe o comunicado emitido polo CPI Cova Terreña.

