Migallas Teatro chega a Gondomar co seu espectáculo “Canta Connosco!”

O Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar acollerá mañá, sábado 19 de outubro, o espectáculo “Canta Connosco!” de Migallas Teatro, sumándose ás diferentes actividades que veñen desenvolvéndose durante este mes por parte do goberno local pensando nos máis novos e, nunha clara aposta polo fomento de actividades pensadas para gozar en familia.

A formación chegará a Gondomar co seu espectáculo “Canta Connosco!” no que se combinan as accións dramáticas con temas do disco do mesmo nome e que soarán mañá a partir das 18:00 horas no auditorio local. Así todos aqueles que queiran poderán sumarse a este concerto peculiar e acompañar aos actores con temas como “O libro máxico”, “O esqueleto” ou “Dime que fixeches”.

Con máis de 20 anos de experiencia no seu haber, Migallas Teatro presenta unha actividade na que se abordan diferentes cuestións que buscan fomentar nas novas xeracións, e no público en xeral que acode aos seus espectáculos, valores tan importantes como a solidariedade, xenerosidade ou a importancia da lectura na aprendizaxe.

O coidado das nosas mascotas, a imaxinación como ferramenta fundamental nas nosas vidas, ou a denuncia do consumismo na compra de xoguetes son algunhas das cuestións que durante o concerto abordaranse de forma lúdica e divertida.

“Canta Connosco!” enmárcase dentro do programa “Ler conta moito”, promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, co fin de dinamizar as bibliotecas. Desta forma búscase convertelas nun espazo aberto no que a través de actividades de distinta índole achéguese a lectura á cidadanía, prestando especial atención aos máis novos.

Anuncios