Baiona adxudica as obras das súas primeiras vivendas sociais

As futuras vivendas sociais de Baiona situadas na antiga casa dos mestres da rúa Benito Fariñas de Sabarís xa teñen adxudicataria. Trátase da empresa Saranoa 73 SLU que executará os proxectos de remodelación das dúas edificacións situadas nun baixo e primeiro piso por un valor total que ascende a 99.872 euros máis IVE.

A primeira delas, situada a nivel do chan, conta cun prazo de execución dun mes e medio por 50.437 euros sen impostos, mentres que a segunda atópase nun primeiro e cun período de execución estimado de 60 días, ambas as dúas de 80 metros cadrados, e serán destinadas a aluguer social. Cabe destacar que a súa licitación sufriu un atraso tras detectarse un erro no proxecto e que modificaba lixeiramente o importe final.

Desta maneira e unha vez rematados os traballos, Baiona estreará as súas primeiras vivendas sociais. A iniciativa exposta durante o anterior mandato foi bautizada como “Proxecto Domus” e contemplaba alugueres por un ano prorrogables, e establecidos entre 250 e 350 euros ao mes.

Anuncios