Manifesto Miñor leva ao pleno a situación do comercio na zona da Praza da Paradela

Despois de escoitar as queixas dos comerciantes das rúas adxacentes á Praza da Paradela de Gondomar, algunhas delas tamén peonalizadas e outras simplemente afectadas polo sentido ou restricións do tráfico, etc, Manifesto Miñor presentará ao pleno deste xoves unha moción sobre a situación do comercio na zona. “A realidade é que a día de hoxe levan pechado varios comercios, outros están a piques de facelo, regulación de persoal, baixos comerciais baleiros que levan meses sen ser alugados, etc. Se a isto lle sumamos a próxima marcha do Centro de Saúde da zona, corremos o risco de termos unha grande zona humanizada no centro da Vila, sen seres humanos”, lamenta Antonio Araújo.

“Dende MM-EM entendemos que a Vila de Gondomar debe manter a súa función como motor da economía local como foi historicamente, compatible coa vida cotiá da veciñanza, polo que é necesario sentarse a falar entre comerciantes, goberno municipal, oposición, técnicos, etc, pra lle buscar unha solución a esta problemática, que sen dúbida verase agravada pola crise que xa se nota e polos cambios nos hábitos á hora de mercar de moita xente. Nós apostamos por vilas con vida onde o comercio de proximidade sexa un dos seus atractivos”, engade Araújo.

“Dende MM-EM apoiamos dende o principio a idea de gañar espazos públicos peonís para a xente, se ben é certo que puxemos de manifesto que o correcto era convocar un concurso público de ideas para a elaboración do proxecto, e por suposto, sempre, co consenso e a participación da veciñanza e dos comerciantes afectados directamente polo mesmo. Efectivamente, no Pleno cando a súa aprobación afirmouse por parte do Sr. Alcalde que ese consenso existía e que non había ningún problema”, recorda o concelleiro.

Dende MM-EM entenden que a vitalidade/utilidade dun espazo gañado para a veciñanza, debe pasar por ter vida propia e non estar ao albur das actividades ou dos eventos que organice o Concello, que en todo caso só beneficiarían a unha parte mesmo polos horarios e días nos que se celebran. “A dinámica dun espazo público e humanizado debe ter como obxectivos o intercambio comercial e de relacións humanas, dinamizar a cultura do encontro e do lecer, dándolle alento ás tendas, aos bares, ao comercio de proximidade, etc para que poidan desenvolver a súa actividade sen a Espada de Damocles da desertización humana. Nós apostamos por unha Vila para vivir e non só para durmir”.

A moción insta ao Goberno Municipal a que sen demora se reúna coa veciñanza e cos comerciantes afectados pola peonalización da Praza da Paredela e as rúas adxacentes, co obxecto de constituír un grupo de traballo que valore a situación actual derivada da devandita peonalización, e entre todas as partes , incluídos os técnicos municipais, buscar solucións ou alternativas a esta problemática de maneira consensuada, así como facer un seguimento das mesmas co obxectivo de evitar que o centro da Vila de Gondomar se converta nunha zona morta.