O 63% dos comercios de Carabela Pinta queren que a rúa quede como está

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), tras o anuncio da posible apertura ao tráfico en horario de tarde da rúa Carabela A Pinta manifesta nun comunicado que no ano 2016, un pequeno grupo de empresarios, debido á baixada significativa de vendas nos seus negocios, decidiron pola súa conta consultar co resto dos negocios da rúa se se atopaban na mesma situación.

Todos eles pensaban que o problema xurdiu debido a que o tráfico estaba pechado pola tarde, por iso, decidiron solicitar firmas que apoiasen a apertura da rúa polas tardes a modo de proba, mentres se realizaban as obras de humanización nas rúas Marqués de Quintanar e Cidade de Vigo.

“Naquel momento entendían que esta proba podería servir de diagnóstico para valorar se este era o problema real, polo que pediron a ACEBA que se sumase ás súas peticións e esta cedeu ante o gran número de socios interesados nese momento. Esta solicitude non foi atendida polo Concello naquel momento e nunca se puido realizar a proba requirida”, lembra o seu presidente, Marcos Comesaña.

Debido aos últimos acontecementos, desde a nova directiva de ACEBA decidiron volver realizar unha consulta entre os comercios asociados da Rúa Carabela Pinta, facendo un informe que determina que o 63% quere que a rúa permaneza no estado actual, o 21% móstrase a favor da apertura da rúa polas tardes, o 4% móstrase a favor da apertura da rúa polas tardes a modo de proba e o 12% móstrase indiferente.

“Todos eles insisten en que é importante e urxente reforzar a sinalización, tanto horizontal como vertical, dos estacionamentos para evitar que esta rúa sexa unha trampa para turistas que, debido á falta de sinalización, deixan o seu coche aparcado na mesma a partir das 16:00 horas. Ademais, solicitamos complementar ese sistema cun en rotación obrigatoria e gratuíta”, sinala Marcos Comesaña.

Finalmente, a postura de ACEBA con respecto a Carabela Pinta, e respectando a decisión maioritaria dos seus socios, é que a rúa permaneza no estado actual e esixen o cambio da sinalización o máis axiña posible. “Con respecto á talla das árbores na devandita rúa, ACEBA nunca o solicitou, nin se manifesta sobre iso”, conclúe o presidente dos empresarios.

Anuncios