Nigrán cede as cinco mochilas vibratorias para o Festival Intercéltico de Mondoñedo

O Concello de Nigrán prestará este sábado 19 de outubro as súas cinco mochilas vibratorias para o Festival Intercéltico As San Lucas de Mondoñedo co obxectivo de que as persoas xordas poidan “sentir” os concertos programados na Praza da Catedral. As persoas interesadas en empregalas deben enviar un mail coa súa solicitude (incluír nome e número de DNI) a comunicacion@nigran.org.

O Concello de Nigrán, único en Galicia en contar con esta tecnoloxía que en España só dispón tamén o Ayuntamiento de Madrid, estreou os dispositivos en agosto con gran éxito e, dende entón, xa realizou o préstamo a unha decena de entidades, sendo agora a quenda do Concello de Mondoñedo.

Esta novidosa tecnoloxía que transforma o son en vibracións empregouse por vez primeira en España nas derradeiras actividades de Nadal do Concello de Madrid e Nigrán é o segundo municipio do país en adquirilas para uso público e gratuíto. A adquisición, cun investimento de 6.000 euros, forma parte do programa de goberno municipal “Un Nigrán para todos” co que se traballa para eliminar as barreiras físicas e sensoriais na localidade.

As diferentes vibracións que transmite esta tecnoloxía de orixe francés e creación recente son transformadas grazas aos audios que reciben dende un equipo de son que conta cun transmisor UHF. Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas (implante coclear e/ou audífono) non só sentirán as vibracións, senón que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo inductivo. As mochilas poden ir cargadas ás costas ou no peito e permiten que o usuario se poida desplazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas.

Anuncios