Dous detidos por roubos en varios establecementos comerciais de Baiona

A Garda Civil detivo a un veciño de Vigo e a outro de Arbo, como presuntos autores de preto de media ducia de roubos que se cometeron o pasado mes de marzo en varios establecementos comerciais de Baiona.

As investigacións realizadas por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse o pasado mes de marzo no marco da denominada operación “Abrente”, para identificar aos presuntos autores dunha serie de roubos que se cometeron na escasa marxe dunha semana en varios establecementos comerciais no centro urbano de Baiona.

Despois dunha pormenorizada análise das circunstancias coincidentes nos roubos que se investigaban, como son: o modus operandi, a hora de comisión e o feito de que todos os locais estivesen emprazados na mesma rúa, permitiron establecer varias liñas de investigación que levaron á identificación de dúas persoas como presuntos autores.

Unha delas, un home de 29 anos de idade foi localizada e detida a semana pasada en Vigo, onde se atopaba vivindo temporalmente en casa dunha irmá. O segundo deles, de 42 anos, foi detido varios días despois no municipio de Arbo, onde residía.

Con estas detencións a Garda Civil considera identificados aos presuntos autores dos roubos que se cometeron o pasado mes de marzo nunha taberna, un local de beleza, unha mercería e un ultramarinos, no núcleo urbano da localidade de Baiona.

Os detidos foron postos en liberdade en sede policial coa obrigación de comparecer, cando sexan citados, no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde se entregaron as dilixencias que se instruíron.

Anuncios