ViaGalicia pon a proba en Porto do Molle aos seus emprendedores

Coñecer a madeira de emprendedores dos proxectos seleccionados na 6ª edición de ViaGalicia, o programa de aceleración impulsado polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia. Este é o obxectivo principal do StartupDay, a xornada que se celebrou hoxe no Parque Empresarial de Porto do Molle coa inauguración a cargo de David Regades, delegado do Estado en Consorcio Zona Franca de Vigo e do alcalde de Nigrán, Juan González.

Regades resaltou que “a aposta de Zona Franca de Vigo polos proxectos de emprendemento que forman parte desta edición, elixidos entre máis de 200 iniciativas, destacan polo seu valor diferencial e polo seu potencial na dinamización e modernización do tecido empresarial da nosa rexión”.

Os representantes dos 35 proxectos de emprendementos seleccionados para a sede de Vigo puideron demostrar as súas habilidades e competencias, como o liderado, o traballo en equipo, a creatividade ou a capacidade de negociación, ante o comité avaliador. A sede de ViaGalicia en Lugo celebrará tamén o seu correspondente StartupDay o vindeiro xoves, no que participarán os emprendedores dos 18 proxectos seleccionados para esta provincia.

Tras a celebración de ambas as dúas xornadas, seleccionaranse ata un máximo de 20 proxectos por sede, que pasarán á fase de Academia. Nesta próxima etapa, os emprendedores coñecerán as ferramentas necesarias para definir o seu modelo de negocio e mellorar as súas propostas de valor durante 8 fins de semana de formación e titorización. A selección das iniciativas empresariais que pasarán á fase de Academia darase a coñecer a próxima semana.

A 6ª edición de ViaGalicia conta cun orzamento global de 2 millóns de euros destinado a formación, asesoramento, mentoring, coworking e financiamento dos proxectos que participen no programa de aceleración.

Sobre ViaGalicia

ViaGalicia é unha aceleradora impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é apostar por proxectos innovadores, acelerables e invertibles a través da súa participación nun amplo programa de formación, mentoring, coworking e financiamento.

Desde a súa posta en marcha no ano 2013, xa se investiron 8 millóns de euros neste programa de aceleración, no que se analizaron máis de 1.000 propostas presentadas, axudando á definición do modelo de negocio de ata 160 proxectos. En total, formalizáronse 68 empresas, das cales o 80% permanecen activas, xerando así 340 novos empregos –o 83% indefinidos- e captando ata 19 millóns de euros de financiamento, o 52% privada.

Anuncios