Corazóns solidarios contra a violencia de xénero en Gondomar

A Casa da Cultura de Gondomar converterase este mércores nunha fábrica de corazóns moi especiais: corazóns solidarios contra a violencia de xénero, que se elaborarán dentro dunha nova actividade que, a través da Concellería de Educación, o goberno de Gondomar organiza pensando nos máis pequenos e pequenas da casa.

Da man do programa “Ler conta moito” chega ao municipio “A fábrica de corazóns de papel reciclado”, unha actividade dirixida a nenos de entre 3 e 12 anos, coa que se busca traballar os valores da igualdade coas novas xeracións, á vez que sensibilizalas e conciencialas na loita e a denuncia contra a violencia de xénero.

Desta forma os participantes no obradoiro poderán “reciclar as malas noticias que os medios recollen sobre mortes de mulleres vítimas da violencia machista e convertelas en corazóns de papel”.

Un proceso no que os nenos e as nenas estarán acompañados por uns simpáticos monicreques de artesanía que desenvolverán ao mesmo tempo unha sesión de contacontos solidarios, sendo o primeiro exemplo dese apoio aos demais o feito de que os personaxes foron tecidos por cooperativas de mulleres dentro do comercio xusto.

“A fábrica de corazóns de papel reciclado” abrirá as súas portas este mércores na Casa da Cultura de Gondomar, a partir das 18:00 horas, con entrada libre para todo aquel que se queira sumar.