Nigrán inicia o asfaltado de nove rúas en Priegue e Panxón por preto de 90.000 €

O Concello de Nigrán rematou esta semana o asfaltado de cinco rúas da parroquia de Priegue e continuará este luns (se non chove) con catro de Panxón cun investimento total de preto de 100.000 euros ao cargo do Plan Concellos 2019. Este novo plan municipal busca unha mellora da seguridade viaria en zonas onde a superficie pavimentada está xa moi deteriorada.

Concretamente, en Priegue destinouse un importe de 25.000 euros para as rúas Raña, Andiana, Camiño Vello, Camiño Monte e Lavadeiro (este último o único que non contaba con asfaltado). As obras correron a cargo de Construcciones Fechi S.L.; empresa adxudicataria que iniciará Panxón pola rúa Pastora e seguidamente por Lagoa-Seixo (rúa onde recentemente o Concello arranxou a rede de abastecemento con vistas a este posterior asfaltado), Lousas e Redonda, todas en mol mal estado e cun investimento de 60.000 €. Con estas dúas parroquias tan só falta a de San Pedro (á espera da autorización de Patrimonio ao intervir en rúas da contorna do cruceiro de Mallón) para completar o plan 2019 de todo o municipio.

Así, nos diferentes casos se realizará unha limpeza do pavimento da calzada e das cunetas antes de melloralo cunha mestura bituminosa en quente estendida e compactada, ademais de facer o recrecido das tapas da rede de sumidoiros.

“Trátase de camiños en moi mal estado e que dan servizo a moitas persoas, por iso os consideramos prioritarios neste novo plan de asfaltados da parroquia, sendo conscientes de que quedan outros pendentes que non esquecemos e que entrarán no Plan 2020”, sinala o alcalde, Juan González. Así, anteriormente en Panxón o Concello interviu en Jesús Espinosa, Gondomar, Area Alta, Camiño da Area, Arquitecto Palacios, Paraviñal, Camiño da Fonte, Porqueira ou rúa do Rial; e en Priegue en Regueiriño, Codaval, Rouxo, Condomínguez ou Antonexas.

Anuncios