Suspendida a andaina do II Aniversario dos Incendios en Nigrán

O Concello de Nigrán, Comunidade de Montes de Chandebrito e Asociación de Veciños “O Castro” decidiron modificar os actos previstos polo “II Aniversario dos Incendios” do 15 de outubro de 2017 en Camos e Chandebrito ante o prognóstico de fortes choivas o domingo de mañá. Deste xeito, suspendeuse a andaina programada e trasladouse o xantar popular ao Pavillón do Colexio Estudio de Chandebrito, onde ás 12:30 horas terá lugar un acto de recoñecemento ás entidades colaboradoras na repoboación do monte comunal e no que tamén participará Alda Correia Carvalho, a presidenta da Cámara Municipal de Castiñeira de Pera, en sinal de irmandamento e solidariedade entre ambas localidades, xa que neste municipio portugués faleceron en xuño de 2017 un total de 47 persoas calcinadas nos seus vehículos mentres trataban de fuxir pola estrada N236 que comunica con Figueiró dos Vinhos. Alda Correira será recibida previamente na Alcaldía de Nigrán polo seu homólogo, Juan González, quen a invitará a asinar o Libro de Honra.

O xantar popular está previsto que se inicie ás 14:00 horas e inclúe mexilonada ao auténtico estilo castrexo ou chourizos e castañas, paralelamente, actuará un grupo folclórico luso e o grupo de acordeóns “Brisas de Bouzas”. Pola tarde, se a meteoroloxía o permite, realizarase unha visita aos lugares señeiros da parroquia. Mantense a presenza dos escultores do colectivo “Arte no Queimado” Remigio Davila, Rosendo González e Juan Coruxo, que estarán a traballar nunha nova peza en madeira que, unha vez rematada, será trasladada ao “Bosque da Memoria” ao carón do castro.

As parroquias de Chandebrito e Camos viviron o 15 de outubro un dos momentos máis tráxicos da súa historia ao sufrir uns gravísimos incendios que supuxeron a vida de dúas mulleres nunha evacuación errada, Angelina Otero e Maximina Iglesias, e máis de 600 hectáreas arrasadas; mentres que o incendio do 17 de xuño de 2017 en Portugal está considerado como peor da súa historia recente ao causar 66 mortos, máis de 250 feridos e 46.000 hectáreas calcinadas entre Pedrógão Grande, Castanheira de Pera, Figueiró dos Vinhos, Alvaiázere e Ansião, na rexión central do país.