Gondomar inaugura o “I Camiño do Irmandamento” coa vila homónima de Portugal

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, encabezará o pelotón de cicloturismo que os próximos días 26 e 27 de outubro cubrirá os 140 quilómetros que separan a vila pontevedresa da súa homónima en Portugal. Arranca así unha iniciativa que pretende converterse nun roteiro habitual e referente entre ambos os dous municipios: “Camiño do Irmandamento”.

Paco Ferreira lembra que a idea é froito do desafío que no seu día expuxo ao entón Vereador de Turismo da Cámara Municipal de Gondomar, e actual deputado do parlamento luso, Carlos Brass, e ao alcalde do municipio portugués de “facer a bicicleta o camiño que une as dúas localidades”.

“Un desafío que agora queremos abrir ao resto dos veciños do noso concello, e converter así este roteiro nunha cita que nos permita reforzar os lazos do irmandamento que recuperamos desde o meu goberno fai tres anos, tras deixalo morrer as corporacións anteriores”, afirma o rexedor.

“O Camiño do Irmandamento” arrancará o vindeiro sábado 26 da Praza da Paradela en Gondomar, e desenvolverase en dúas etapas -unha diaria- que atravesarán diferentes localidades como a de Tomiño, Viana de Castelo, Ofir e Porto, entre outras. Ao longo do percorrido estableceranse diferentes puntos de control e avituallamento do grupo.

A primeira etapa cubrirá o percorrido entre Gondomar e a localidade portuguesa de Ofir (85 quilómetros) na que se pernoitará, para o domingo retomar o camiño e cubrir os 55 quilómetros que restan ata a vila lusa de Gondomar, onde o grupo será recibido por autoridades locais.

Unha vez finalizado o Camiño do Irmandamento, cada participante recibirá un certificado do seu percorrido, asinado polos representantes locais das dúas vilas de Gondomar. Os interesados en sumarse a esta iniciativa poderán inscribirse na Oficina de Turismo do concello ata o próximo día 21 de outubro.

Paco Ferreira confía en que “a participación sexa importante” e que este primeiro Camiño do Irmandamento “sexa o principio dun roteiro que buscaremos oficializar con diferentes etapas ao longo do ano, a cubrir a pé ou dacabalo”, conclúe.

Anuncios