Chandebrito únese ao municipio portugués de Castiñeira de Pera no segundo aniversario dos incendios

Concello de Nigrán, Comunidade de Montes de Chandebrito e Asociación de Veciños “O Castro” celebran este domingo na parroquia unha xornada festiva en recordo do segundo aniversario dos incendios do 15 de outubro de 2017 en Camos e Chandebrito. Á mesma asistirá Alda Correia Carvalho, a presidenta da Cámara Municipal de Castiñeira de Pera, en sinal de irmandamento e solidariedade entre ambas localidades, xa que neste municipio portugués faleceron en xuño de 2017 un total de 47 persoas calcinadas nos seus vehículos mentres trataban de fuxir pola estrada N236 que comunica con Figueiró dos Vinhos.

As parroquias de Chandebrito e Camos viviron o 15 de outubro un dos momentos máis tráxicos da súa historia ao sufrir uns gravísimos incendios que supuxeron a vida de dúas mulleres nunha evacuación fallida, Angelina Otero e Maximina Iglesias, e máis de 600 hectáreas arrasadas; mentres que o incendio do 17 de xuño de 2017 en Portugal está considerado como o peor da súa historia recente ao causar 66 mortos, máis de 250 feridos e 46.000 hectáreas calcinadas entre Pedrógão Grande, Castanheira de Pera, Figueiró dos Vinhos, Alvaiázere e Ansião, na rexión central do país.

“As vidas humanas son irreparables, esa dor e ese recordo sempre estarán aí, pero consideramos que debemos organizar unha xornada de esperanza e de ilusión polo futuro do monte e pola nova mentalidade ecoloxista xerada a raíz deste lume”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

Así, un ano máis, a xornada contará cos escultores do colectivo “Arte no Queimado” Remigio Davila, Rosendo González e Juan Coruxo, que dende o sábado estarán a traballar nunha nova peza no “Torreiro Novo de Chandebrito” (local da asociación de veciños) para a que piden a colaboración da veciñanza achegando trozos de madeira queimados que, se o desexan, poden asinar. Durante toda a fin de semana traballarán nesta escultura e, unha vez rematada, será trasladada ao “Bosque da Memoria” ao carón do castro.

Anuncios