
O IES Escolas Proval de Nigrán presentou por sexto ano consecutivo a mostra «Expoelectrónica», na que os estudantes do centro demostraron capacidades propias dun enxeñeiro de primeiro nivel. Así pois os soportais do patio interior do Proval serviron como escenario para presentar unhas creacións que dado o seu grao de complexidade chegan a tardar varios anos en perfeccionar. Cabe destacar a presenza de Abel Núñez, o mozo natural de Aldán que en agosto se incorporará no CERN de Xenebra.
A maioría dos produtos electrónicos son practicamente os mesmos que os presentados na mostra de 2018 pero con lixeiras variacións, o acabado final é tal que moitos deles non teñen nada que envexar aos que che poderías atopar en calquera establecemento do sector.
O buque insignia deste ano é o seu último proxecto bautizado como Ollo Sip, que obtivo o recoñecemento á Innovación FP 2018 xunto a outros 25 de toda Galicia. Trátase dun sistema de vídeo e voz que se rexe a través do protocolo IP de maneira que con varios compoñentes tales como unha central IP, un router, unha pantalla de visualización, altofalantes, videoporteiros, cámaras, fechaduras e amplificadores, todos eles xestionados con placas raspberry (un computador moi reducido que segue ordes concretas unha vez é programado) obteñen un sistema de monitoraxe, controlado a través dun teléfono móbil que permite chamadas de voz, activar a megafonía, control de accesos e un sistema de recoñecemento facial para menores de idade que pode ser utilizado desde calquera punto do centro. Un sistema bastante complexo que proximamente será instalado no edificio educativo xa que é operativo ao 100%.
Durante o percorrido os alumnos mostraron creacións tan variadas como un chutómetro, un videorockola, autómatas, unha maqueta electropneumática, videoxogos e ata unha aula dotada de domótica que a través dun software controlan aceso e apagado de luces, subida e baixada de persianas, acendido de monitores e luces led RGB.
Os participantes proceden de cursos de electrónica, de eso e bacharelato aínda que as creacións destes últimos son un pouco máis sinxelas aínda que non menos funcionais, como un robot danzarín programado a través dunha placa con chip arduino. Carmen Currás, profesora do centro, explicou que o proceso de elaboración dos proxectos é completamente propia, desde as carcasas que foron creadas a través dunha impresora 3D, a programación dos compoñentes electrónicos, o desenvolvemento dos softwares a maioría compatibles co sistema Android, así como o seu ensamblado e presentación final. A traxectoria do centro nigranés en canto á súa implicación neste campo serviulles de numerosos recoñecementos locais, autonómicos e nacionais.