O Barbeira Season Fest despídese ao grande cun evento cultural no Gran Vía de Vigo

O Centro Comercial Gran Vía de Vigo acolle este xoves ás 18:00 horas a gran despedida do último e máis molón festival do verán: o Barbeira Season Fest. Para despedir esta edición como se merece, convidan a todos os seus clientes a vivir unha tarde na que o cinema, a música e a arte estarán moi presentes. O evento estará situado nunha das salas de GranVía Cines, Planta 2.

Entre outras moitas sorpresas, proxectarase un micro documental do Barbeira Season Fest 2019 e coñeceranse en primicia algunhas das novidades que terán lugar na edición do próximo ano.

A música volverá ser a principal protagonista xa que contarán coa presenza do exitoso grupo valenciano La Habitación Roja que revivirá cos asistentes os mellores momentos do seu concerto o pasado 21 de setembro no festival e adiantará detalles sobre a súa participación na próxima edición.

Non só iso, tamén esa mesma tarde inaugurarase unha exposición sobre o Camiño de Santiago e a súa vinculación ao Barbeira Season Fest, coa obra da artista Tamara de la Fuente.

A entrada é gratuíta ata completar aforo. Os interesados poderán conseguir a súa invitación en https://seasonfest.es/