Nigrán roza subsidiariamente unha leira de 8.000 metros cadrados, a maior ata a data

O Concello de Nigrán vén de rozar de maleza e de xeito subsidiario unha leira privada con dono desconocido situada ao carón da rúa José María Pérez Alonso (núcleo de Nigrán), a maior ata a data ao contar con 8.000 metros cadrados de superficie. A mesma presentaba gran cantidade de especies invasoras (fundamentalmente herba da pampa) e contaba con numerosas denuncias de veciños próximos a ela e preocupados por se chegaba a arder.

A acción forma parte da campaña do Concello de Nigrán para previr os incendios forestais e supuso xa a intervención municipal en 27 parcelas de todas as parroquias con propietarios descoñecidos ou que non asumiron a obriga legal de manter a leira limpa pese a terlle sido requirido. En todos os casos o Concello manterá os expedientes abertos para repercutirlles as custas a cada lexítimo dono.

A realización desta campaña supuxo a contratación por vía urxente dunha empresa de xestión da Biomasa, Arbogal, para que levase a cabo os traballos tras a inacción da Xunta, coa que o Concello mantén un convenio a través de SEAGA que obriga a este organismo autonómico a asumir este tipo de accións. “Por responsabilidade decidimos intervir nós mesmos e non agardar máis”, indica o rexedor, Juan González.

Anuncios