Detido un veciño de Gondomar como presunto autor dun roubo de ferramentas nunha obra de Baiona

A Garda Civil detivo a un veciño de Gondomar como presunto autor do roubo dun lote de ferramentas que supostamente subtraería nunha obra en construción en Baiona, onde estivera traballando.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse cando o contratista denuncia que lle subtraían un lote de ferramentas do interior da caseta dunha obra que está a construír no municipio de Baiona, concretamente: unha máquina de azulexar, un martelo percutor, un atornillador de batería e varios cubos de pintura de quince litros.

O feito de que a fechadura da caseta non presentaba ningún signo de forzamento deu lugar a que se orientasen as pescudas sobre a contorna laboral e así se puido establecer unha liña de investigación sobre un dos empregados que fora despedido uns días antes da comisión do roubo.

A pesar de que esta persoa na súa primeira manifestación declarou que as ferramentas agocháraas dentro da propia obra para vingarse do empresario polo diñeiro que lle debía, a Garda Civil puido desmontar a súa coartada e comprobar que as ferramentas as tiña no seu domicilio e devolvíaas á obra cando se decatou de que estaba a ser investigado.

Unha vez localizadas e recuperadas as ferramentas no seu agocho dentro da obra, procedeuse á detención deste veciño de Gondomar, de 32 anos, como presunto autor dun delito de roubo.

Unha vez instruídas as correspondentes dilixencias foi posto en liberdade en sede policial, coa obrigación de presentarse, cando sexa citado, no Xulgado de Instrución de garda de Vigo.

Anuncios