A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo e Mercadona asinan un convenio de colaboración

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo e a compañía de supermercados Mercadona asinaron un convenio de colaboración que formaliza a súa relación, e segundo o cal, a empresa comprométese a colaborar co labor que leva a cabo a Fundación, doando alimentos de primeira necesidade. Pola súa banda, o Banco de Alimentos comprométese a distribuír estes produtos entre as persoas máis necesitadas da provincia de Pontevedra, garantindo as condicións adecuadas para que poidan chegar ao consumidor en perfecto estado.

O convenio ten como finalidade reforzar a relación que Mercadona mantén co Banco de Alimentos, ao que durante a firma entregoulle unha doazón de 7.800 quilos de alimentos de primeira necesidade. Ademais, colaborará un ano máis na Gran Recollida Solidaria da provincia de Pontevedra que organiza o banco e que se desenvolverá a finais de novembro. Na Gran Recollida do pasado ano os clientes de Mercadona doaron máis de 36.700 quilos de produtos básicos nas tendas de Pontevedra.

Tras a firma do documento de colaboración, o presidente do Banco de Alimentos, Pedro Pereira, agradeceu “a implicación solidaria” demostrada por Mercadona coa ONG e lembrou “a necesidade de seguir arroupando ás persoas máis desfavorecidas nun contexto, sen dúbida, de melloría macroeconómica, pero lonxe aínda de alcanzar a todas as familias da nosa sociedade”.

Por parte de Mercadona, a xerente de Relacións Externas en Galicia, Mariña Rivas, agradeceu ao Banco de Alimentos de Vigo “o seu gran traballo na provincia en favor dos máis necesitados», afirmando que o convenio “é a nosa achega ao importante labor de voluntariado que desenvolven os bancos de alimentos”.

Durante os seis primeiros meses de 2019, a Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu preto de 1,1 millóns de quilos. Con respecto ao ano pasado, entregou ao redor de 1,8 millóns de quilos de comida (1.760,629 quilos), a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa, cubrindo o 35% das necesidades das persoas máis desfavorecidas ás que axuda.

A ONG, creada en 1995, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Desde 2014, a entidade conta con delegación propia en Pontevedra.

Compromiso social: “Devolverlle á sociedade parte de canto recibe dela”

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é devolverlle parte de canto recibe dela. Por iso, dentro do seu Plan de Responsabilidade Social e co fin de contribuír ao desenvolvemento e progreso sustentable da sociedade da que forma parte, doou máis de 710 toneladas de alimentos a doce comedores sociais e outras institucións benéficas galegas como Bancos de Alimentos ou Cáritas durante 2018.

Doazóns de alimentos de Mercadona en España

Mediante o seu plan de acción social, Mercadona ten o compromiso de devolver á sociedade parte do que recibe dela, por iso apoia e colabora con diversas institucións e entidades sociais que axudan a moitas persoas en España. En 2018, a través de distintas iniciativas, a compañía doou 8.300 toneladas de produtos a bancos de alimentos, comedores sociais e outras entidades benéficas, o que equivale a 140.000 carros da compra.

Anuncios