A Carpa Revitaliza achega a compostaxe aos veciños e veciñas de Gondomar

As mestras e mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra recalaron este martes en Gondomar na súa xira informativa sobre compostaxe pola provincia. A carpa do Revitaliza instalouse diante do Concello e alí toda a veciñanza que se achegou puido coñecer en que consiste a compostaxe e incluso tamén apuntarse para poder dispoñer dun composteiro individual co que transformar o lixo orgánico en compost. No punto informativo do Revitaliza a veciñanza tamén pode recoller unha mostra de compost e unha pranta aromática ou ornamental, así como diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar no fogar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…).

Nas dúas semanas que o punto informativo leva percorrendo a provincia os resultados de adhesións individuais ao plan provincial están a ser moi bos, xa que son decenas de veciños e veciñas as que teñen solicitado un composteiro para o seu domicilio. No día de onte o persoal técnico estivo en Baiona, e nos próximos días estará en Redondela e Pontevedra.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.

Anuncios