A Aula de Teatro Xuvenil de Gondomar sobe o pano un curso máis

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Grupo xuvenil de teatro municipal Pritis-Guomis.

Baixo o lema “Gondomar á escea” ponse en marcha un ano máis a aula de teatro dirixida a mozos de entre 11 e 25 anos do municipio. Durante o mes de outubro está aberto o prazo de inscrición para todos/as os que queiran sumarse a esta iniciativa da que xa formaron parte preto dun centenar de mozos e mozas.

O curso desenvolverase durante todo o ano, excepto o mes de agosto, os martes en horario de 18:30 a 20:30 horas. As clases impartiranse atendendo as diferentes formas de expresión que esta arte escénica permite, como son a danza, declamación, texto, musical, etc.

A aula de teatro xuvenil tivo unha importante resposta nos últimos anos ao facilitar alternativas a mozos de Gondomar respondendo as súas demandas e inquietudes. Convértense as clases nun medio para dar renda solta ás emocións e desenvolver a creatividade das novas xeracións, á vez que lles permite explorar novas facultades propias e tamén opcións de futuro.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) recollerá as solicitudes dos mozos e mozas interesados en formar parte do elenco da aula de teatro xuvenil, financiada polo goberno local, a través da súa Concellería de Xuventude e coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra. Máis información no teléfono 986 369 746.

Anuncios