O albergue Estela do Mar de Baiona, nomeado aos II Premios Economía Azul

O albergue Estela do Mar de Baiona é un dos nomeados na II edición dos Premios Economía Azul, uns galardóns de carácter bianual creados en 2017 pola Consellería do Mar para recoñecer os proxectos destacados subvencionados dentro das axudas concedidas ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, co obxectivo de promover o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

O establecemento baionés, que abriu as súas portas en xuño do 2018 promovido por Ivana García, Iago Duro, Patricia Leyenda e Esther Leyenda, é un dos tres candidatos na categoría de creación de emprego, que ten como finalidade apoiar os proxectos que estimulen a economía das zonas pesqueiras, reforcen o seu atractivo, capaciten ás persoas e promovan o emprendemento e a creación de novos postos de traballo, entre outros. Todos os proxectos candidatos foron seleccionados entre os propostos polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia (GALP).

O albergue turístico Estela do Mar de Baiona é un establecemento que ofrece aloxamento nunha habitación múltiple, compartindo baños e zonas comúns. Está situado en pleno centro da vila e ten ambientación mariñeira como homenaxe ás moitas persoas que se dedicaron e dedican á pesca na localidade. Ofrece servizos complementarios (cociña, aluguer de bicicletas, roteiros guiados, actividades náuticas, visitas a lonxas e mercados…) para os usuarios, que son principalmente peregrinos do Camiño Portugués da Costa e persoas que buscan un aloxamento económico.

Cada persoa poderá votar só a un dos proxectos de cada categoría. O proxecto que reciba maior número de votos en cada categoría será o que resulte premiado. Poderase votar ata o 20 de outubro. Os premios, que distinguirán aos proxectos máis destacados, entregaranse nun acto que se celebrará o día 25 de outubro.

Pódese votar na seguinte ligazón: https://galp.xunta.gal/es/votacion-ii-premios-economia-azul

Anuncios