Nigrán traballa a contrarreloxo para retomar as obras da nova Biblioteca

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Operarios de Civis Global retirando a súa maquinaria o pasado venres.

Nigrán traballa a contrarreloxo para retomar as obras de construción da biblioteca municipal despois de que o pasado 13 de xuño o contratista anunciase a suspensión da execución do contrato adxudicado en agosto do 2018 por 1.060.000 de euros máis IVE, ao serlles denegadas varias ampliacións económicas.

Polo momento e co fin de gañar algo de tempo, desde o Concello encargaron a redacción dun anexo ao proxecto inicial que xa está a ser estudado pola Deputación co fin de que autoricen unha nova licitación, que sairá canto antes por un valor estimado dun millón de euros. Así pois os traballos realizados polo estudo de arquitectura desvelan que o avance na execución do proxecto atópase nun 40% do total polo que a nova adxudicataria tería que finalizar fachadas, illamento en xeral, acondicionamento interior, algunhas instalacións ademais do equipamento.

Os servizos de contratación do Concello están a estudar que medidas tomar contra a empresa, aínda que unha das consecuencias directas á renuncia sería a perda da fianza depositada por Civis Global por valor de 52.000 euros, aínda que tamén poderían ser legais “sobre todo se chegamos a perder a subvención de 1,5 millóns facilitada pola Deputación”, explicou o alcalde Juan González. O rexedor declarou que polo momento xogan cuns prazos moi axustados xa que o período marcado inicialmente para a súa finalización roldaba os 9 meses, do 21 de agosto de 2018 ao 20 de xuño de 2019, e en calquera caso o tope para ter o edificio rematado está marcado en maio de 2020. Aínda así González engadiu que están á espera de conceder audiencia ao contratista para que expoña as súas argumentacións que xustifiquen a renuncia, aínda que desde o consistorio aseguran ter practicamente as dúbidas resoltas. O rexedor pola súa banda explicou que durante a apertura de sobres detectaron unha baixa temeraria que reducía a construción do edificio ao redor dos 500.000 euros respecto a os seus competidores, co que se lles esixiu unha memoria xustificativa punto por punto que explicase as rebaixas. “O certo é que a empresa coñecía o proxecto de corrida porque o tivo que destripar por completo para argumentar ese medio millón de menos, este foi o motivo polo que rexeitamos as propostas de complemento a posteriori efectuadas”, engadiu González.

Polo momento están a traballar co reloxo en contra e o principal temor desde o goberno local é a perda da axuda outorgada pola Deputación de 1,5 millóns, aínda que chegado o momento da entrega da obra poderían chegar pedir unha prórroga á Administración e no caso que queda denegada, o inmoble tería que rematarse con fondos propios. “Se se dá a situación na que teñamos que financialo nós tomariamos medidas legais esixindo responsabilidades a Civis Global”, finalizou González.

Anuncios