Baiona segue apostando pola compostaxe

O punto informativo sobre compostaxe do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra segue a súa xira pola provincia e comezará esta semana no Val Miñor e en Tui. Hoxe as mestras e mestres composteiros provinciais instalaron o seu punto informativo no Parque dos Tendais de Baiona. Falaron coa veciñanza de compostaxe, animándoos a compostar os seus biorresiduos, e ademais fixeron xogos e preguntas, repartindo plantas aromáticas ornamentais e outros agasallos entre as veciñas e veciños que estaban máis ao día sobre a compostaxe.

O persoal técnico deu a coñecer todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na compostaxe que promove a Deputación e que pretende que os concellos cumpran os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a reutilización e reciclaxe. Lembraron que é precisa a colaboración da cidadanía e a súa concienciación e responsabilidade ambiental porque a Unión Europea esixirá compostar ou recoller en orixe separadamente os biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023 de maneira obrigada.

As mestras e mestras composteiras explicaron tamén en que consiste a compostaxe comunitaria, amosando detalles de todo o proceso dende que o lixo orgánico (restos de comidas e vexetais) se xeran na casa ata que finalmente se produce o compost. Indicaron que todo o lixo orgánico (restos de vexetais, peixe e carne), tanto de cociñados como sen cociñar, son axeitados para facer compost, polo que se poden botar sen problema no composteiro e advertiron da importancia de cubrir con estruturante os restos que se deixen.

A carpa seguirá mañá a súa xira mañá en Gondomar, diante do Concello en horario de 10:00 a 13:00 horas, e continuará o mércores en Tui diante dos xulgados. Este evento estase a aproveitar para que veciños e veciñas se apunten para participar nos composteiros comunitarios instalados nos municipios como tamén para entrar na lista de agarda e recibir un composteiro comunitario para a súa vivenda con horta.

Ata agora a carpa está a contar con todo un éxito de participación, incluso con veciños que recollen in situ o composteiro individual para o seu domicilio despois de ter recibido a formación necesaria. Ademais, os que se acheguen ao punto informativo poden levar consigo unha guía de compostaxe, un imán para a neveira (no que se lembran os materiais que se poden botar no composteiro), bolsas ecolóxicas para evitar as plásticas, e outro merchandising.

Nas vindeiras xornadas, tal e como se fixo estes días, o persoal técnico provincial dará a coñecer todos os beneficios do modelo de xestión do lixo baseado na compostaxe que promove a Deputación e lembrarán que é precisa a concienciación e colaboración da cidadanía para poder cumprir coa normativa europea vixente.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de dinamización e impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.