Teatro do Ar presenta “Lume” no circuíto de teatro de Priegue

Teatro do Ar actuará hoxe ás 20:00 horas no auditorio do Centro Recreativo Cultural de O Torreiro de Priegue coa súa nova obra “Lume”. Unha historia na que a maxia e a realidade entrecrúzanse nunha atmosfera de violencia e amor entre os comuneiros da ficticia vila mariñeira de Neira (podería ser Nigrán, Baiona…) nos anos 20. As portas do auditorio abriranse ás 19:50 horas e o pano abrirase ás 20:00.

Lume é unha obra orixinal do novo director nigranés de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez Villar, que mestura o teatro coa música. Como naqueles espectáculos de cinema mudo a música en directo terá unha gran presenza en momentos da representación. A banda sonora correrá a cargo da nova compositora de Vilariño, Lucía Doval, que co seu piano, é graduada en piano polo Conservatorio Profesional de Música de Vigo, poñerá ritmo a tres escenas cruciais na trama.

A obra presentará un formato arriscado e que busca que o público poida vivir o teatro da maneira máis próxima posible. “É unha historia na que buscamos que ou realismo máxico invada todo. Quero que non saibamos distinguir entre a realidade e a maxia”, explica Pedro Rodríguez.

“Lume” é a oitava composición orixinal que presenta Teatro do Ar nos últimos dous anos. A compañía naceu en 2012 cando alumnos naquel momento do CPI Arquitecto Palacios de Panxón decidiron unirse para facer teatro máis aló da escola. Desde aquel día a compañía de mozos e mozas, ningún maior de 25, de Nigrán comezou unha carreira no teatro afeccionado que xa os levou a actuar por toda Galicia, este ano representaron en Ferrol, Coruña e Lugo.

Colaboración con artistas do Val Miñor

Con “Lume” Teatro do Ar volverá colaborar con artistas de toda a comarca. Un dos obxectivos da compañía é visibilizar a arte que se fai na zona a través do teatro. A música correrá a cargo de Lucía Doval, compositora en cernes de Vilariño, as ilustracións promocionais creounas a debuxante de 20 anos de Mougás (Oia), Sandra Rodríguez, e os traxes de época foron confeccionados por dúas modistas de Nigrán: Martina Mourelle de Panxón e Ana Isabel Barros de Priegue.