“Rexas” recorda en Baiona ás mulleres do Val Miñor que resistiron a represión

na acolle dende este sábado a mostra do departamento de Memoria Histórica da Deputación “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, unha exposición que está a percorrer a provincia para recoñecer e dignificar as figuras das mulleres represaliadas, resistentes e solidarias tras o alzamento fascista de 1936. Estará aberta nos baixos do Concello ata o 18 de outubro e encádrase dentro da programación do XX aniversario do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) baixo o título “A volta das nove”.

A deputada provincial de Memoria Histórica e organizadora do evento, a nacionalista María Ortega, manifestou a importancia de manter a memoria histórica “nun primeiro plano” dende as institucións por xustiza e por reparar e dignificar ás persoas perseguidas, asasinadas, encarceradas e represaliadas.

Ortega subliñou que “Rexas” pon o foco nas mulleres que, pola súa condición, sufriron unha dobre represión. “Elas sufriron un maltrato moito máis duro que os seus homes tras o alzamento, xa que ademais de soportar os asasinatos das súas persoas máis achegadas, o réxime tamén as castigou sen poder choralas”, dixo, para engadir que non só se buscaba e castigaba ás mulleres significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos, que foron vexadas degradándoas con actos de corte sexista.

Ortega felicitou ao Instituto de Estudos Miñoráns polas xornadas tituladas “A volta das nove” e sinalou que teñen moita relación con Rexas porque están dedicadas á represión que sufriron especificamente as mulleres en relación ao suceso represivo máis coñecido do Val Miñor: o asasinato de nove veciños da contorna na Volta da Bombardeira, desde entón coñecida como A Volta dos Nove. “O que pretenden contar as xornadas é que as nove viúvas deses homes -sete deles mariñeiros- e as 31 criaturas orfas tamén foron vítimas porque quedaron, ademais de sen o seu ser querido, sen o principal sustento do fogar”, asegurou.

Citou en concreto o caso de Dolores Samuelle, Perfecta, que perdeu a vida por dar acubillo aos Ineses, dous fuxidos que non facían máis que traballar pola colectividade a través de varias iniciativas sindicais e culturais.

“É moi importante tamén, recalcar que A Volta dos Nove (agora tamén DAS Nove) é todo un símbolo da memoria resistente de Galiza, pois desde que foi do asasinato e durante décadas, no lugar onde apareceron os cadáveres aparecían debuxadas no chan nove cruces, e por moito que vixiou a Garda Civil nunca deron coa persoa que as debuxaba, probablemente, porque eran distintas persoas do pobo as que as facían, moitas delas mulleres”, indicou a deputada.

A inauguración da mostra tivo lugar ás oito da tarde no Concello de Baiona e, a continuación, proxectouse na biblioteca municipal o documental “Matriarcas”, de Xiana Vilar, Mónica Sousa, Vanesa García e Laura Rial. Posteriormente, houbo unha charla con Montse Fajardo, comisaria de “Rexas” e participante no documental. A mostra estará presente nos Baixos do Concello de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas, ata o 18 de outubro.

172 nomes de mulleres

A mostra “Rexas, mulleres baixo o terror franquista” chega a Baiona despois dun longo percorrido pola provincia da man da Deputación, xa que é un concello de referencia obrigada á hora de falar de represión na provincia.

Rexas inclúe 43 mulleres da comarca de Vigo e Val Miñor, enmarcadas nas distintas tipoloxías que recolle a mostra: asasinadas, presas, sometidas a castigos de índole sexista e a depuracións laborais, e tamén mulleres que resistiron ao franquismo e foron solidarias. Foron moitas as mulleres detidas, especialmente de Nigrán, por darlle acubillo a fuxidos e mesmo a solidariedade foi o que lle custou a vida a Dolores Samuelle, Perfecta, veciña de Baiona, unha das protagonistas de Rexas.

Dolores Samuelle Álvarez, Perfecta foi asasinada diante da porta da súa casa de Baiona aos 71 anos. Era o 13 de outubro de 1936, o mesmo día do asasinato dos irmáns Luís e José López Luís, os Ineses, membros da Sociedade Obreira de Sabarís, aos que Perfecta tiña agochados na casa de Ventura Estévez, un home maior e cego ao que coidaba. Os Ineses enfrontáronse á batida chegando a matar a un falanxistas pero foron asasinados na fuxida e enterrados nunha foxa co cadáver de Perfecta no medio dos dous.

Tamén mataron no Val Miñor á veciña de Lavadores Carmen Gómez Domínguez. Carmen Gómez Domínguez apareceu na praia de Lourido xunto ao de catro homes na madrugada do 28 de novembro de 1936. Tiña 38 anos, dúas criaturas e dedicábase ás tarefas do fogar. Os corpos deles estaban atados por parellas con arames. O dela solto. Non foron inscritos no libro de defuncións ata as 13 horas do día seguinte e a identificación de Carmen non chega ata dúas semanas despois, o 16 de decembro.

Cabe lembrar tamén a inclusión en Rexas de Rosario Ruiz Pascual, alcumada a Alcaldesa: O seu home, Manuel Alonso González Muiñeiro, tamén detido, era alcalde do municipio no momento do golpe. A ela sacárona da casa case espida, coa súa filla pequena colgando da saia, metéronas nunha camioneta con outros detidos e leváronas para Baiona, mentres o resto eran asasinados en Camposancos. Tamén detiveron á súa nora, e a xente deixou de irlle á tenda “para non significarse”.

En total, “Rexas” contén doce paneis nos que se fala de 172 mulleres, 90 delas incluídas en 80 imaxes. Da comarca de Pontevedra, son 24. Outras 43 proceden da comarca de Vigo, 30 do Deza-Tabeirós, 26 do Morrazo, 25 do Salnés, 11 do Baixo Miño, 7 de Caldas e 6 do Condado-Paradanta.

Anuncios