Presentación de cine para os 11 equipos do CB Nigrán

O Club Baloncesto Nigrán viviu este sábado unha xornada moi especial, a festa de presentación de todos os seus equipos para esta nova e ilusionante tempada 2019/2020, que se celebrou no Pavillón Municipal de Panxón.

O acto, que contou coa presenza do alcalde Juan González e as concelleiras de igualdade, Turismo e Asuntos Sociais, comezou co desfile dos once equipos que competirán esta tempada mentres soaban bandas sonoras de películas como a de Fama, Hakuna Matata de El Rey León ou a de Campeones, entre outras. O primeiro en aparecer en pista foi o equipo júnior masculino, a continuación fixérono o equipo sénior masculino, o equipo júnior feminino, cadete feminino, o cadete masculino, os dous equipos infantil masculino e o feminino, o equipo alevín, o equipo benxamín e pechando o desfile os máis pequenos da casa, o equipo baby. Un total de 11 equipos que supoñen máis de 130 fichas federativas.

Xunto aos equipos desfilaron os seus respectivos adestradores e adestradoras. Antonio Saavedra, adestrador do equipo sénior, Francisco Termenón, que será o responsable do equipo júnior feminino, Nuria Gómez, que ademais da dirección deportiva do club levará aos equipos júnior masculino, cadete masculino e cadete feminino, no que contará coa axuda de Alejandro Holguín, que será o encargado do infantil masculino. Antía Vega adestrará ao outro equipo infantil masculino e infantil feminino e xa no minibasket, Paula Chousal adestrará ao alevín mixto, Víctor Alonso coa axuda de María Fernández levará o equipo benxamín, e por último, Antonio Villar, coa axuda de Nuria Gómez, adestrará ao equipo baby.

Despois do desfile realizáronse as fotos de equipos, a foto de adestradores e adestradoras e directiva e finalmente a foto de grupo. A continuación disputouse o primeiro encontro de liga desta nova tempada entre o equipo sénior masculino do CB Nigrán, campións de liga da pasada tempada, e o CB Puertovigo.

O acto estivo dirixido por Gonzalo Posada Palacios, que xa leva varios anos colaborando co CB Nigrán como speaker da súa festa de presentación, e que a pasada tempada compuxo un Rap para a ocasión, en cuxa letra se reflicte a filosofía do club: “Aprender, compartir, facer grupo e competir, esas son as nosas virtudes. Nigrán… CB Nigrán”.

Anuncios