Investigan a un veciño de Gondomar pola morte violenta dunha cadela

A Garda Civil investiga penalmente a un veciño do municipio de Gondomar como presunto responsable da morte dunha cadela que faleceu atrapada por un lazo metálico que tiña colocado nas inmediacións do seu galiñeiro.

As investigacións iniciáronse a mediados do pasado mes de setembro cando o dono do animal, unha cadela de raza pastor alemán, denuncia no Posto da Garda Civil de Gondomar a desaparición da cadela.

Por mor das pescudas realizadas e despois de ter noticia de que os supostos restos do can apareceran tirados nunha pista forestal da parroquia de Couso, chegouse á identificación do presunto responsable da súa morte.

Segundo púidose pescudar, trátase dun veciño do dono da cadela que supostamente colocara unha trampa, consistente nun lazo metálico, nas inmediacións do seu galiñeiro coa intención manifesta de atrapar ao animal que lle estaba matando as galiñas. Segundo declarou no seu descargo a cadela xa lle sacrificara unha vintena de galiñas durante os últimos meses.

As investigacións concluíron coa notificación da persoa que colocou a trampa causante da morte do animal, como presunto autor dun delito relativo á protección da flora, fauna e animais domésticos, por utilizar artes ou elementos de caza non selectivos, que foron os que supostamente causaron a morte do animal.

Simultaneamente ás dilixencias instruídas, que foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Vigo e, como consecuencia das mesmas, procedeuse á retirada cautelar das armas de caza que tiña esta persoa para iniciar un expediente de revogación das licenzas que amparaban a súa tenencia.

2019-10-05 - tumblr_336578c5f9e31c60887c2a41fc310da8_70d9fec1_1280

Anuncios